viernes, 31 de marzo de 2017

Presentacións multimedia: Historia dos Dereitos Humanos

Este curso dedicamos a segunda avaliación da materia de Valores éticos a elaborar, en colaboración co Departamento de Filosofía, unhas presentacións multimedia sobre a historia dos dereitos humanos.

Os obxectivos que nos propoñiamos eran:
Acadar unha visión histórica dos dereitos.
Adquirir hábitos de traballo colaborativo online.
Aprender a distribuír os contidos nunha presentacións multimedia.
Documentación
Comezamos recompilando datos sobre os dereitos humanos e a súa historia. Para isto miramos primeiro estes dous vídeos (o primeiro completo e o segundo desde 1:49 ata 6:18):

           

Sintetizamos despois a información do segundo vídeo diferenciando varios momentos históricos e distribuíndo os datos nunha táboa na que indicabamos, para cada un, a época e lugar, un persoeiro, o título do documento e os dereitos recollidos nel. Non sempre puidemos facer isto literalmente pero si suficientemente ben como para que despois fose doado elaborar unha diapositiva da presentación a partir de cada fila da táboa.


Elaboración da presentación
A continuación decidimos en cada curso a plataforma web que utilizariamos para confeccionar a presentación e comezamos o traballo. As diapositivas debían ter un título e un subtítulo, unha imaxe e un fragmento de texto. A imaxe debía ser de uso libre e ocupar a meirande parte da diapositiva.
Estes son os traballos dos cursos de 4º ESO A e 4º ESO B:

     

Aquí estamos documentando o noso traballo e deseñando as diapositivas:


viernes, 3 de marzo de 2017

III Concurso de microrrelatos da Rede de Escolas de AI


 TERRA DE ACOLLIDA  


 III Concurso de microrrelatos 
 da Rede de Escolas de 
 Amnistía Internacional - Vigo 

Este ano volvimos participar no concurso de microrrelatos de Amnistía. É unha actividade que non só axuda a que nos concienciemos do problema das persoas que teñen que fuxir dos seus fogares: tamén fomenta a creatividade e a solidariedade.
O punto de vista deste ano era o da  TERRA DE ACOLLIDA , que dá motivo ao lema do concurso.
Hai  dúas categorías  (14-16 anos e Maiores de 16 anos), e dous premios para cada categoría: un premio do xurado e outro polas votacións en Facebook.  Para votar  neste segundo basta con que piquedes na ligazón correspondente e lle deades  “Like”  aos vosos relatos favoritos. Se non tes unha conta de Facebook podes pedir que algunha persoa que a teña vote por ti.

 Categoría de 14 a 16 anos: 
https://www.facebook.com/pg/amnistia.ourense/photos/?tab=album&album_id=1819492568311003.

 Categoría de maiores de 16 anos: 
https://www.facebook.com/pg/amnistia.ourense/photos/?tab=album&album_id=1819496331643960.



domingo, 5 de febrero de 2017

30 de xaneiro, día internacional da paz


Hoxe é 30 de xaneiro: o Día Internacional da Paz. Para celebralo dedicamos a clase de valores éticos de 4º da ESO a facer un mural sobre As caras da guerra e As caras da Paz.
As caras da paz, que pechamos cun corazón, son as caras das persoas que loitaron por ela como, por exemplo, as 16 gañadoras do Premio Nobel da Paz. As caras da guerra son caras de dor e sufrimento, de enfermidade e angustia. (fai clic nas imaxes para ver os detalles).


Tamén repartimos por todo o instituto frases sobre a paz, coma estas que recollemos aquí:


Finalmente puxemos unha exposición ao lado da biblioteca con libros sobre a paz.


Estes son os documentos con todas as frases e as imaxes, e unas fotos do "making of":

 


sábado, 10 de diciembre de 2016

Manifesto #EuAcollo - Adhesións individuais

En abril do ano pasado, o noso centro adheriuse ao manifesto #EuAcollo.
Era a primeira vaga desta campaña de Amnistía Internacional. Agora comezamos a segunda, de adhesións individuais, e unha parte grande do profesorado do noso centro asinou tamén o manifesto.

Lembra que podes atopar toda a campaña na web de Amnistía:


O texto do manifesto denuncia a falta de resposta da Unión Europea e lembra os compromisos adquiridos ao asinarmos a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, con especial fincapé na dobre exposición das nenas e mulleres ás violacións dos seus dereitos polas mafias. Finalmente, solicita á Unión Europea que ACOLLA e ao goberno de España
Que garanta unha resposta rápida para as persoas refuxiadas e solicitantes de asilo que chegan a Europa, ben por terra, ben por mar.
Que cumpra coas súas obrigacións internacionais e aumente o número de prazas de reasentamento, especialmente para mulleres, nenas e persoas en situación de especial vulnerabilidade.
Que garanta unhas condicións de acollida dignas.
Que se comprometa a impulsar medidas que garantan o dereito de asilo e ao establecemento de rutas legais e seguras para que ninguén teña que arriscar a súa vida en busca de refuxio.

jueves, 1 de diciembre de 2016

Murais das Cidades Iluminadas contra a Pena de Morte

Nas materias de Valores éticos de 3º ESO A, 4º ESO A e 4º ESO B fixemos, para celebrar o 30 de novembro, Día das Cidades Iluminadas contra a Pena de Morte, fixemos durante a 1ª avaliación, uns murais de edificios emblemáticos de Redondela con frases contra a pena capital.


Colaboraron a Grupo da Rede de Escolas de Amnistía Internacional e o propio Concello de Redondela, que pendurou tamén unha pancarta nunha das fiestras do edificio principal.

   

O mural de 3º A
Representa o viaduto, sobre o que se proxectan a frase Non á pena de morte e a candea de Amnistía Internacional. Para simular a proxección estivemos traballando nun sistema con LEDs que se penduraría do teito... e conseguímolo! Pero despois, ao pendurar o mural no corredor, a instalación era moi complicada e cambiámola por unha tira de plástico de forrar libros coa frase e o debuxo feitos a rotulador. Aínda así, fixemos unha candeíña de plástico que pegamos ao lado do mural.



O mural de 4º A
Representa o edificio do Concello co texto Non á pena de morte e a candea pintados en amarelo. Acompañamos cuns comentarios en folio onde se explica qué é o Día das Cidades Iluminadas.


O mural de 4º B
Representa o Multiusos da Xunqueira, co lema Toda persoa ten dereito á vida e a candea pintados. Para debuxalo axudámonos dunha proxección e despois repasamos as liñas, mentres comentabamos a xeometría do edificio. As letras e os debuxos gardan a perspectiva da fotografía. Acompañamos tamén cunhas citas da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.


A mensaxe
A nosa mensaxe resúmese nestes tres comentarios:


Materiais
Para documentármonos, antes de empezar o traballo, consultamos a páxina de Amnistía sobre esta actividade e o Pasaporte dos Dereitos Humanos.