Mostrando entradas con la etiqueta Encontros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Encontros. Mostrar todas las entradas

martes, 15 de diciembre de 2015

Encontro con Ana-Paula Oliveira e Renata Neder

Asasinatos policiais nas favelas do Brasil


Colaboran:
Grupo do IES Pedro Floriani da Rede de Escolas de AI
Vale máis acender unha candea ca maldicir a escuridade
Departamento de Filosofía
Biblioteca Escolar - Proxecto 2015, Ano da luz


Texto: Sofía Castro, 4º ESO B.


A charla do pasado xoves 26 pareceume interesante e incrible. Grazas a Ana-Paula e Renata coñecemos datos e información que ata agora descoñeciamos.
Dixeron que o Brasil é o país con maior número de homicidios cometidos pola policía, que é o que máis me impactou de todo, como a policía pode causar tantas mortes.
Elas dicían que no ano do Mundial de fútbol as cifras de número de mortes aumentaron e teñen medo de que coas Olimpíadas volva aumentar, e iso é algo que non podemos permitir e que é terrorífico.
Finalmente, Ana-Paula contounos como a policia matou o seu fillo Johnathan sen motivo ningún. Foi un relato conmovedor e escoitámolo en silencio.

Oxalá todas as vítimas, familiares sobre todo, co tempo se volvan máis e máis fortes e poidan volver á tranquilidade e oxalá teñan moita sorte coa cmpaña Tu mataste o meu filho e consigan pouco a pouco facer máis. Creo que si: que se vai facer xustiza pero como elas dicían ninguén vai poder devolverlle aos seus fillos xamais.
Nin a policía nin ninguén ten dereito a quitarnos a nosa vida, un dereito humano imprescindible, o dereito á vida.

Documentación
Esta é unha das últimas noticias e investigacións que podemos atopar na páxina de Amnistía Internacional:


Brasil - Mataste o meu fillo


Brasil: policías militares de “gatillo fácil” mataron centos de persoas na cidade que se prepara para recibir os xogos olímpicos. Río de Xaneiro é unha cidade marcada polas intervencións policiais represivas. A súa policía militar, que parece seguir a máxima de “disparar primeiro e preguntar despois”, está contribuíndo ao alarmante aumento da taxa de homicidios pero os seus axentes nunca son investigados nin comparecen ante a xustiza.
Así o afirma Amnistía Internacional nunha análise inédita de datos estatísticos publicada a un ano do comezo dos xogos olímpicos de 2016.



Materiais
Na charla empregáronse estes audiovisuais:

  


Libro de visitas
Nós fixemos estes comentarios, que lles ofrecemos para amosarlles a nosa solidariedade e o noso cariño:


Fai click nas fotos para velas ampliadas:

viernes, 12 de diciembre de 2014

Encontro con Manuel Martínez-Barreiro


Mellor acender unha buxía que maldicir a escuridade

 

Nesta actividade colaboramos o Grupo da Rede de Escolas do IES Pedro Floriani e o Proxecto de Biblioteca 2014-15 Unha viaxe arredor do mundo.
   A redacción da noticia fixémola a partir dun texto de Alba Rodríguez (4º ESO B), con contribucións de todo o alumnado de 2º e 4º da ESO.

 


Tivemos este encontro o día 10 de decembro con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos. Este mesmo día todos os periódicos saían co titular: “A CIA tortura os prisioneiros na guerra de Iraq”, e no artigo denunciábase o feito.

   Amnistía Internacional   
Manuel é membro de Amnistía Internacional e explicounos que esta organización loita polos dereitos de todas as persoas.

É unha organización non gobernamental polo que, como non recibe diñeiro de ningún estado, pode actuar con total independencia.
Nace como consecuencia da detención de dous estudantes portugueses que gritaron “Viva a liberdade”, o que lle serviu a Peter Benenson como inspiración para crear Amnistía en Londres no ano 1961.
Posúe 2 premios Nobel e, na actualidade, conta con máis de 3 millóns de membros e simpatizantes por todo o mundo.

   Os Dereitos Humanos   
Posteriormente falounos sobre os dereitos, que son unha especie de coraza e, por sermos persoas, témolos todas/os sen discriminación por razón de raza, sexo, relixión...

Son inalienables e intransferibles: o recoñecemento dun dereito leva ao recoñecemento de todos os demais.
En Francia non se pode dicir “dereitos humanos” porque para eles esta expresión ten un significado distinto e propuxeron chamalos “dereitos naturais” ou “dereitos da/o cidadá/án”.
Os principais pasos que se foron dando en favor dos Dereitos Humanos foron estes:

- Código de Hammurabi, 2000 aC
- Cilindro de Ciro, 529 aC
- Carta Magna, 1215
- Petición de dereitos, 1628
- Constitución dos EEUU de América do Norte, 1787
- Declaración francesa dos dereitos do home e o cidadán, 1789
- Carta de dereitos dos EEUU de América do Norte, 1791
- Declaración Universal, da ONU, 1948
Esta última é a que recolle o que cremos actualmente, e na súa redacción tivo un papel importante Eleanor Roosevelt.

   A noticia do periódico   
Para acabar, Manuel volveu ao principio e leu completo o titular:

A CIA torturou con brutalidade, ineficacia e á marxe da lei
(El País, 10-12-2014).

e deixounos coa pregunta:
Pero… é que se pode torturar sen brutalidade?
Ou con eficacia?
Ou dentro da lei???


   As imaxes   
Fixemos algunhas fotos do encontro, cos grupos de 2º e 4º da ESO, e cando xa rematamos Manuel quedou charlando un ratiño con  Sergio ,  Lara ,  Eva  e  Gabriela , do Grupo da Rede de Escolas do noso centro.

 

Poñémosvos tamén aquí unha presentación que estivemos comentando cos cartaces das accións que realizou Amnistía Internacional nos últimos anos en Vigo:



miércoles, 12 de marzo de 2014

Encontro con Susana Muíños


8 de marzo, día da muller


Nesta actividade colaboraron a Rede de Escolas de Amnistía Internacional e a Biblioteca do centro.
Texto do post elaborado con aportacións do alumnado de 2º e 4º da ESO.

Hai unha semana veu aquí, ao Floriani, unha activista de Amnistía Internacional, Susana Muíños. Explicounos todo sobre os Dereitos Humanos e a violencia de xénero, facendo referencia a que a maior parte das veces sófrena as mulleres, e ademais dentro dunha relación.

A violencia de xénero é o acto de violencia, xa sexa física ou psicolóxica, contra unha persoa, por motivos relacionados co xénero.
O sexo son as características biolóxicas, xenéticas.
O xénero é o rol social predefinido, adquirido nun contexto cultural concreto.

Algunhas persoas e culturas pensan que debe haber unha equivalencia entre os conceptos de sexo, personalidade e rol social, e esta rixidez mental pode ser unha causa da violencia de xénero, que non é natural nin inevitable.

Unha forma de maltrato é o físico: a muller sofre golpes, magulladuras e incluso a morte.
Outra forma é o maltrato psicolóxico, facéndolles sentir moi pouco e non valorarse, insultándoas, etc.

Comentamos imaxes

Na súa presentación, Susana amosou imaxes que mostraban a realidade con fotos, nalgúns casos bastante impactantes como a circuncisión, e falou sobre tribos que amputaban o clítoris. Tamén amosou unha imaxe dunha muller comparada cun pallaso.
Púxonos o exemplo dunha muller véndose sobre un espello roto en anacos. Con esa imaxe quería darnos a ver que a muller quere volver a ser coma antes, que o seu presente está cheo de tristura e sufrimento. A muller reconstruía o espello co rostro que tiña antes de ser maltratada, antes de ser insultada, e ela quería volver ser como ela era.

Mostrounos unha muller encerrada nunha casa. Queiramos ou non, sempre van relacionadas esas dúas cousas. Moitas veces as mulleres perden a personalidade.
Tamén houbo fotografías sobre os roles de xénero: Que pasaría se vésemos a un home maquillado ou facendo as tarefas de casa? Seguramente pensariamos que é homosexual. E se vísemos a unha muller con bigote ou traballando de albanel? Si, diriamos que é coma un home. Isto non debería ser así!

Amosounos esculturas, cadros e fotos. En concreto, unha artista que fora maltratada fíxose unha foto e expúxoa para explicar o que lle pasaba a ela e a moitas mulleres.
Nunha escultura unha muller aparece cun bebé recén nado enriba. Isto significa que hai persoas que só queren ás mulleres para teren fillos e despois soportalos “enriba delas” sen ningunha axuda. Isto é debido ao rol de “muller floreiro” que se fomenta.

Ámbitos da violencia de xénero
A familia é o ámbito máis común. A muller ten maior probabilidade de ser lastimada, violada ou asasinada polo seu compañeiro actual.
A escola: A maioría das persoas analfabetas do noso país son mulleres.
Os mass media e a industria estética e cosmética, que xiran en torno ao corpo da muller, provocan a eterna insatisfación por non conseguir un canon de beleza inacadable.
Cultura e relixión: As persoas deben gozar do seu dereito á liberdade de relixión pero isto no se debe usar coma excusa para que un sexo domine ao outro.
En canto á área económica e laboral, a pobreza e a marxinación son causa e consecuencia da violencia contra as mulleres. Se as mulleres teñen un fillo quen deixa o traballo é a muller e non o home; ás veces unha muller está a punto de conseguir un cargo importante, ten un fillo e cando volve ao traballo xa non ten opción a ese posto. Ás veces é mellor que os homes perdan algún tempo de traballo para atender un fillo.
E en canto ao Estado, puxo o exemplo das mulleres que non podían conducir nin sequera sacar o carné.

A Convención sobre a Eliminación de todas as formas de Discriminación Contra a Muller (CEDAW) é un exemplo de avance.
A CEDAW é considerado o tratado máis extenso que garante o recoñecemento dos dereitos das mulleres a nivel mundial.
A CEDAW enumera os seguintes colectivos especialmente expostos á violencia de xénero, que requiren protección por parte do Estado:

Inmigrantes sen papeis,
solicitantes de asilo,
mulleres rurais,
mulleres obxecto de discriminación pola súa orientación sexual,
menores.

Algúns datos e cifras
Unha de cada tres mulleres no mundo sofre abusos.
A violencia na familia é a primeira causa de morte e minusvalía para moitas mulleres de 16 a 44 anos.

Hai 60 millóns de nenas menos que nenos no mundo por abortos selectivos e infanticidios.
O 80 % das vítimas de armas lixeiras no mundo son mulleres, nenos e nenas.

Opinión

Paréceme inxusto que nunha relixión exista esta violencia, xa que a relixión baséase en axudarse uns entre outros. Se todos somos iguais, deberiamos respectarnos. E non debería existir ningunha violencia, no mundo, contra ninguén.
Cos anuncios sexistas dan a entender que as mulleres servimos só para ser como a Barbie, é dicir, só para cociñar e poñernos fermosas para os homes, que non valemos nin para traballar nin para practicar deportes posto que estes anuncios está protagonizados por homes.
Gustoume moito a charla; sobre todo, que traballara con diapositivas e que nós tamén interviñeramos. O que máis me impresionou foi os casos das rapazas que protestan nas igrexas, nos congresos, etc.
O das mulleres rusas (Pussy Riot) pareceume un bo exemplo de superación porque elas saben o que queren conseguir.
O que máis me gustou foron as fotos na que unha muller xogaba a ser un home e un home estaba maquillado coma unha muller. A mellor noticia foi a das mulleres de Arabia Saudí que desobedeceron as leis do seu pais, fixeron o que quixeron e subírono a unha plataforma de internet co risco de seren severamente castigadas polas súas propias familias. Deberíamos facerlles caso e denunciar as persoas que realizan actos contra mulleres que non fixeron nada. Xa que o tema da biblioteca deste ano é Xénero e Identidade paréceme ben que nos dean charlas deste tipo.
Ningunha muller debería pasar por este inferno. Por iso deben facer charlas e actividades deste tipo para loitar pola igualdade, contra o que nos ensinan desde pequenos e o normalizado que está o machismo na nosa sociedade.

Aínda que houbo moitas máis colaboracións, os textos e debuxos utilizados son de: Ismael dos Santos, Iria Míguez, Rubén Domínguez, Laura Puga, Carla Alonso, Sofía Castro, Pablo Amor, Alba Correa (2º A); Anthya Morales, Adrián Ojea, Uxía Calvar, Gabriel Cerqueira, Uxía Calvar (2º B); Alexandre Veiga, Fernando Cabaleiro, Sara Álvarez, Ricardo Vilaboa, Andrea Sanmartín, Nerea Bouzón, Andrea Sanmartín, Tatiana Cabaleiro, Óscar Cabaleiro, Andrea Couñago, Andrea Míguez, Nerea Bouzón, Carolina Blanco, David Misa (4ª B).

viernes, 29 de noviembre de 2013

Encontro con Rosaliano Riascos

Por Jessica Acuña Alonso e Ángela Hernández Bouzón.

O venres quince de novembro tivemos a oportunidade de acudir a unha charla de Rosaliano Riascos sobre a súa experiencia. Experiencia que lle cambiou a vida pois, en maio do ano 2000 uns paramilitares irrumpiron na súa vida e na de moitos outros. Atopábanse na cidade de Buenaventura no departamento de Valle del Cauca, Colombia, no terreo que os paramilitares querían como terras de cultivo de contrabando. Levantáronos das súas camas para non volver a elas, nin sequera ás súas vidas.
Desde ese momento a vida de Rosaliano tornou por completo para non volver a ser a mesma. Dende entón tivo que separarse da súa familia, que veu a España en busca de algo mellor, primeiro a muller e máis tarde os seus fillos. Pola contra, Rosaliano quedou no seu país de orixe loitando polos dereitos dos “negros” (como el di) en Colombia, que nin sequera son contemplados na constitución.
Pasaron algo máis de dez anos de loita pola causa até que a situación obrigoulle a marchar do seu país, polo que tivo que vir a España no 2011 grazas a Amnistia Internacional que o amparou durante un ano mediante un programa de protección co que conta a organización.
Tivemos, grazas a Rosaliano, a oportunidade de coñecer a verdadeira situación de Colombia, que moitos de nós descoñeciamos pola información manipulada dos medios de comunicación hoxe en día.
Actualmente, Rosaliano segue a loitar polo que cre, por exemplo mediante AFRODES, unha asociación de afrocolombianos desprazados coa esperanza e os ollos cheos de ilusión de voltar ó seu país nunhas boas condicións coas que toda persoa debería contar.
Ese mesmo día que deu a charla cumpría dous anos en España e un ano fóra do programa de protección.

martes, 5 de marzo de 2013

Encontro con Susana Muíños, activista de Amnistía Internacional

Muller e Dereitos Humanos - Amnistía Internacional

O luns 4 de marzo, dentro dos actos do 9 de marzo, Día Internacional da Muller, recibimos a visita de Susana Muíños, coa que tivemos unha charla os grupos de 2º ESO.
Susana é activista de Amnistía Internacional, unha Organización Non Gubernamental que defende os dereitos humanos en todo o mundo. Con ela aprendimos que moitas persoas viven ameazadas de perder a súa vida, a súa liberdade e a súa saúde, pero as mulleres de toda a Terra están dobremente ameazadas porque ademais do seu propio sufrimento ocúpanse do coidado dos demais e son branco dos abusos dos homes nas guerras e na violencia doméstica.





Que che suxire esta imaxe?
A exposición de Susana está baseada na imaxe. A través de moitas diapositivas analizamos o xeito en que a sociedade nos fai ver ás mulleres, cambia a percepción que elas teñen de si mesmas e transmite valores sobre como é ou como debe ser unha muller.
Moitos destes valores e destas percepcións van en contra dos dereitos das mulleres xa que pretenden facerlles asumir traballos e renunciar a beneficios en favor dos varóns e, en xeral, de quen se enriquecen á súa costa.



Que é Amnistía Internacional?
Susana cóntanos a historia de Amnistía Internacional. Naceu en Inglaterra para defender a uns estudantes portugueses que foran presos por brindaren pola liberdade.
Desde estón, Amnistía Internacional foi crecendo, participando en moitas campañas e incluso recibiu o Premio Nobel da Paz en 1978.
Moitas destas historias veñen contadas no cómic 50 anos de Amnistía Internacional, que levamos de recordo da visita de Susana.


Vídeos de Amnistía Internacional
Finalizamos cun resumo desta historia en vídeo.
Unha característica do estilo de AI é o esforzo por divulgar os conceptos fundamentais sobre os dereitos humanos dun xeito asequible a todo o mundo, polo que leva publicado moitos video-clips, breves e sinxelos, pero moi claros e explicativos. Proxectamos dous máis, nos que se ve a importancia de asinar unha campaña ou de traballar organizadamente para que a túa voz poida ter moito poder. Podes velos picando nas imaxes: