martes, 5 de marzo de 2013

Encontro con Susana Muíños, activista de Amnistía Internacional

Muller e Dereitos Humanos - Amnistía Internacional

O luns 4 de marzo, dentro dos actos do 9 de marzo, Día Internacional da Muller, recibimos a visita de Susana Muíños, coa que tivemos unha charla os grupos de 2º ESO.
Susana é activista de Amnistía Internacional, unha Organización Non Gubernamental que defende os dereitos humanos en todo o mundo. Con ela aprendimos que moitas persoas viven ameazadas de perder a súa vida, a súa liberdade e a súa saúde, pero as mulleres de toda a Terra están dobremente ameazadas porque ademais do seu propio sufrimento ocúpanse do coidado dos demais e son branco dos abusos dos homes nas guerras e na violencia doméstica.





Que che suxire esta imaxe?
A exposición de Susana está baseada na imaxe. A través de moitas diapositivas analizamos o xeito en que a sociedade nos fai ver ás mulleres, cambia a percepción que elas teñen de si mesmas e transmite valores sobre como é ou como debe ser unha muller.
Moitos destes valores e destas percepcións van en contra dos dereitos das mulleres xa que pretenden facerlles asumir traballos e renunciar a beneficios en favor dos varóns e, en xeral, de quen se enriquecen á súa costa.



Que é Amnistía Internacional?
Susana cóntanos a historia de Amnistía Internacional. Naceu en Inglaterra para defender a uns estudantes portugueses que foran presos por brindaren pola liberdade.
Desde estón, Amnistía Internacional foi crecendo, participando en moitas campañas e incluso recibiu o Premio Nobel da Paz en 1978.
Moitas destas historias veñen contadas no cómic 50 anos de Amnistía Internacional, que levamos de recordo da visita de Susana.


Vídeos de Amnistía Internacional
Finalizamos cun resumo desta historia en vídeo.
Unha característica do estilo de AI é o esforzo por divulgar os conceptos fundamentais sobre os dereitos humanos dun xeito asequible a todo o mundo, polo que leva publicado moitos video-clips, breves e sinxelos, pero moi claros e explicativos. Proxectamos dous máis, nos que se ve a importancia de asinar unha campaña ou de traballar organizadamente para que a túa voz poida ter moito poder. Podes velos picando nas imaxes:



viernes, 1 de marzo de 2013

Menores soldado - Acción twitter 2: Twitteando

Propósito de Ano Novo: Facer realidade o Tratado

Este ano podemos facer realidade o Tratado Internacional de Comercio de Arma (TCA) polo que Amnistía Internacional leva loitando desde 1993! Por iso, o noso Grupo da Rede de Escolas invitou a todas as persoas maiores de idade do Floriani a participar na Acción Twitter coa que AI trata de sensibilizar á opinión mundial. Queremos subir nos medidores de Twitter os hashtags:


#TratadoArmas - #ArmsTreaty

Esta acción vai parella co tema da Rede destes meses: deter o recrutamento de menores soldado.

Coñecer e actuar
A actividade tiña dúas partes: a visualización dunha documentación e o envío de tweets.
Para a primeira, comezamos vendo unha presentación en Prezi sobre o recrutamento de menores soldado, un vídeo no que un antigo neno soldado conta a súa historia e un resumo do que se pide que o tratado conteña.
Para a segunda parte pedimos autorización en dirección para utilizarmos os teléfonos móbiles e, acompañadas/os tamén por xente que non é do grupo, comezamos a mandar tweets a patir das 11:45, hora na que todos os centros da Rede de Galiza nos puxéramos de acordo en concentrar os envíos, buscando unha incidencia maior nos medidores.



Unha mensaxe simpática: a lista de propósitos de ano novo, que inclúe FACER REALIDADE O TRATADO!!! 



As/os profes tamén twittean: A Ramón houbo que ensinarlle a escribir o hashtag, pero Bea e Lorenzo están en Twitter como peixe na auga.



O tratado
Na web de Amnistía Internacional hai unha documentación completa sobre o TCA. Resumímola nos seguintes conceptos:
O TCA debe ser vinculante para todos os estados do mundo.

Debe haber investigacións e información pública do destino de todas as armas, municións, explosivos, etc. que se vendan no mundo.

As armas nunca deben ser utilizadas contra a poboación civil nin para violacións dos Dereitos Humanos.

REGRA DE OURO: Que non se entreguen armas cando se aprecie perigo de que se poidan violar os termos do TCA.



Algunhas ligazóns


miércoles, 27 de febrero de 2013

Menores soldado: Acción Twitter 1: Anuncio

Tuitea a túa opinión, o 28 de Febreiro na aula 24.

O recrutamento de nenas e nenos soldado é un grave problema engadido ás guerras, os maltratos e todas as violacións dos dereitos humanos.

O grupo do IES Pedro Floriani vai participar nunha Acción Twitter coordinada co resto dos centros da Rede de Escolasde Amnistía Internacional, tratando de subir nas listaxes de tópicos os seguintes hashtags:


#TratadoArmas - #ArmsTreaty
Para conseguir unha incidencia maior, todos os centros concentrarán o envío de mensaxes entre as 11:45 e as 12:15 do día 28 de febrero, así que invitámoste a que veñas á aula 24 e colabores.

Tamén poderás ver información sobre menores soldado:



PREZI: Menores soldado e Dereitos Humanos


VIDEO CLIP: Historia dun neno soldado


MAPA: Menores soldado no mundo


PÁXINA WEB da Rede de Escolas de Amnistía Internacional


martes, 11 de diciembre de 2012

Os Dereitos Humanos, nos "Camiños de Redondela"

"PANFLETOS" DOS DEREITOS HUMANOS

O día 10 de decembro, co gallo do aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (ONU, 1948) fixemos esta actividade en 2º ESO:
Estudamos os dereitos que cada persoa ten soamente por ser persoa.
Buscamos exemplos deses dereitos...
... pero tamén exemplos de como se violan en todos os países.
Preparamos os panfletos resumindo o que aprendimos...
... e saímos a rúa para entregarllos a toda a xente da vila.
Traballamos en colaboración co Proxecto de Biblioteca sobre os Camiños de Redondela e coa Rede de Escolas de Amnistía Internacional. Neste post resumímovos como fixemos esta tarefa, na que o pasamos xenial.

1. Estudamos os Dereitos Humanos
Para isto utilizamos o libro, ademais (por suposto) do texto da Declaración


Un dos nosos principais recursos en internet é a páxina da Rede de Escolas de Amnistía Internacional, da que hai un grupo en bacharelato neste centro. Podes vela picando na imaxe:



2. Preparamos os panfletos 
Despois de buscar os exemplos tratamos de poñer en frases sinxelas e que todo o mundo poida entender...
... algún artigo da Declaración
... algún exemplo de violación dos dereitos
... algunha ONG que vixíe e traballe para que se cumpran
A continuación escribimos esas frases en papeis de cores e decorámolos ben.


3. Saímos á rúa
Xa temos todo preparado! Agora collemos o noso "material subversivo" e saímos polos Camiños de Redondela, como di o Proxecto de Biblioteca deste ano. Pensar que nalgúns países poderían deternos e incluso matarnos por facermos isto!
Primeiro fumos ao Concello, ao Mercado e ás tendas de arredor da alameda: 




Despois, á zona da Mariña e ao Centro de Saúde. Pedimos permiso para non molestar ás persoas que estan enfermas ou acoden a unha cita médica:




-Por que me foxe toda a xente?
-Porque te achegas gritando e o último que pensan é que lles vas dar un panfleto pacifista.
-Ah!
... pero, en xeral, todo o mundo nos recibe moi ben e dános as grazas por divulgarmos esta información que, moitas veces, non coñecemos tan ben como deberiamos.


4. Bótalles unha ollada!
Esta é a nosa colección de panfletos. Bótalles unha ollada!: