lunes, 16 de abril de 2018

Lidia Collazo, gañadora do IV Concurso de Microrrelatos

Lidia Collazo Couñago, de 4º da ESO B, gañou este ano o IV Concurso Xuvenil de Microrrelatos da Rede de Escolas de Amnistía Internacional na categoría de 14 a 16 anos. Un premio merecido, que nos enorgullece enormemente.



Picando na imaxe da dereita pódese acceder á convocatoria do concurso, na páxina da Rede de Escolas.




A casa da avoa


Non hai maior dor para un pai que ver sufrir os seus fillos,velos sufrir e non poder facer nada para evitalo,nada para aliviar o seu sufrimento.Só estar alí, apoialos nas decisións difíciles e darlles un lugar no que sempre se sentiran seguros e protexidos.Ou polo menos tentalo. Lembro o día que lle chegou a carta a miña filla, chamoume chorando e moi angustiada, o único que eu podía facer na miña situación era escoitala, maldicir interiormente o noso goberno, pensar en todos o dereitos que estaban a ser violados nese momento e tentar consolala con palabras que non sentía xa que a súa situación era bastante mala. Xa pasaron uns meses e os meus netos atópanse xogando co can mentres que os seus pais mandan solicitudes de traballo sen parar, xa non teñen casa, non puideron pagar a súa débeda e botáronos. Por agora os nenos pensan que están de vacacións, pero iso non durará eternamente e xa comezan a sospeitar. A miña pensión está a alimentar a seis persoas e un canciño, é complicado e ás veces dan ganas de renderse pero coma dicía unha amiga miña “entre mortos e feridos alghun ádese salvar” mirando o lado positivo pasamos moito mais tempo xuntos e temos un teito sobre as nosas cabezas. Viven coa avoa, que ten de malo? Mais todo iso pode cambiar e despois de ler o correo desta mañá a situación vai empeorar rapidamente a non ser que nos toque a primitiva.


    Lidia Collazo Couñago


 


A entrega de premios
O premio consiste nunha preciosa figura da escultora Cuqui Piñeiro e un lote de libros. Este ano entregouno o escritor Román Raña. Estas son algunhas imaxes da ocasión:

viernes, 13 de abril de 2018

Concurso de Microrrelatos 2018 - Detrás de cada porta hai unha historia

Nas materias de Valores Éticos da ESO estivemos escribindo relatos seguindo as bases do 4º Concurso de Microrrelatos da Rede de Escolas de AI: Detrás de cada porta hai unha historia Despois, as/os que quixemos enviámolos ao concurso.

Como vos contaremos noutro post, a nosa compañeira Lidia Collazo, de 4º B, resultou vencedora na categoría de 16 anos e menores. Agora poñémosvos aquí dous exemplos dos relatos de 3º ESO.

Picando no cartaz do concurso podedes acceder á web de Amnistía Internacional - Vigo, onde están as bases da convocatoria.


Sen Fogar
Clara Lorenzo Castro


Un día espertei, levaba tempo xa no paro e non podía pagar o piso no que estaba a vivir case ningún mes. Ese día, un día coma o resto, fun tirar o lixo e topeime con algo diferente, algo estraño. Na porta da miña casa había un papel pegado un pouco raro. Puña: Propiedade desaloxada por execución hipotecaria o día 27/09/2019.

Anteriormente xa pasara por uns xulgados e xa sabía que nun tempo me quitarían o piso se non o pagaba, pero non pensara que ese tempo serían un par de días, non pensaba que sería hoxe, non mo esperaba. Un día tan espléndido coma hoxe, con todos os paxaros cantando detrás miña, e o despexado ceo enriba. Cando meus ollos se toparon con ese papel e leron esa serie de palabras algo rompeuse dentro de min porque pensei: Non teño fogar. Sen pensalo rompín a chorar.

Unhas horas despois, recuperada da sorpresa que levara, quería chamar á miña nai para dicirllo pero, para unha nai seria moi difícil pensar que tren unha filla que non é capaz de manter un apartamento ela soa, pensar que ten unha filla inútil. Por iso non tiven o suficiente valor para chamala e dicirllo da vergoña e pena que me daba saber que a parte de min, moita xente estaba sen fogar e en condicións peores. E vergoña non solo de non ter fogar senón de vivir nesta sociedade mentireira, hipócrita e egoísta na que por desgracia, ou sorte para outros, vivimos.




Bótote de menos
Alba Mera Conde


Coñecín a Lara cando ela tiña 3 meses, fun un regalo dos seus padriños e paseime toda a súa infancia ao seu lado, escoitando a súa risa, os seus problemas, as súas primeiras palabras… Pero cando cumpriu os 15 comezaron os problemas na súa casa. A súa nai perdeu o traballo e o seu pai perdía clientes por culpa da crise. A pesar de todo isto ela seguía allea ao que podería pasar máis adiante. Eu vivía no andel, enriba da súa cama, na súa preciosa habitación, que tiña un armario enorme cheo de roupa das cores do arco da vella.

Pero isto comezou a cambiar un día, o seu irmán maior tivo que mudarse a outro país para conseguir algo mellor. Dende alí non podería mandarlles diñeiro xa que mudarse era moi caro. Dende ese momento todo comezou a ir peor. Xa case non había comida na casa e os seus pais estaban cada día máis desanimados. Ela dábase conta do que estaba a pasar, pero non quería admitilo. Semanas máis tarde a casa estaba case baleira, xa que tiveron que vender as súas cousas de valor. Días máis tarde chegou a carta do banco, ían quitarlles a casa por non pagar a hipoteca. Os días seguintes foron un inferno xa que todo o mundo de Lara íase desvanecendo. E un día sen avisar entraron na casa e arrancáronme do andel, dos brazos de Lara. Para sempre. E dende ese día non a volvín ver.

Lara bótote de menos! - O teu osiño de peluxe.