Como vos contaremos noutro post, a nosa compañeira Lidia Collazo, de 4º B, resultou vencedora na categoría de 16 anos e menores. Agora poñémosvos aquí dous exemplos dos relatos de 3º ESO.
Picando no cartaz do concurso podedes acceder á web de Amnistía Internacional - Vigo, onde están as bases da convocatoria.
Sen Fogar
Clara Lorenzo Castro
Un día espertei, levaba tempo xa no paro e non podía pagar o piso no que estaba a vivir case ningún mes. Ese día, un día coma o resto, fun tirar o lixo e topeime con algo diferente, algo estraño. Na porta da miña casa había un papel pegado un pouco raro. Puña: Propiedade desaloxada por execución hipotecaria o día 27/09/2019. Anteriormente xa pasara por uns xulgados e xa sabía que nun tempo me quitarían o piso se non o pagaba, pero non pensara que ese tempo serían un par de días, non pensaba que sería hoxe, non mo esperaba. Un día tan espléndido coma hoxe, con todos os paxaros cantando detrás miña, e o despexado ceo enriba. Cando meus ollos se toparon con ese papel e leron esa serie de palabras algo rompeuse dentro de min porque pensei: Non teño fogar. Sen pensalo rompín a chorar. Unhas horas despois, recuperada da sorpresa que levara, quería chamar á miña nai para dicirllo pero, para unha nai seria moi difícil pensar que tren unha filla que non é capaz de manter un apartamento ela soa, pensar que ten unha filla inútil. Por iso non tiven o suficiente valor para chamala e dicirllo da vergoña e pena que me daba saber que a parte de min, moita xente estaba sen fogar e en condicións peores. E vergoña non solo de non ter fogar senón de vivir nesta sociedade mentireira, hipócrita e egoísta na que por desgracia, ou sorte para outros, vivimos. |
||
Bótote de menos
Alba Mera Conde
Coñecín a Lara cando ela tiña 3 meses, fun un regalo dos seus padriños e paseime toda a súa infancia ao seu lado, escoitando a súa risa, os seus problemas, as súas primeiras palabras… Pero cando cumpriu os 15 comezaron os problemas na súa casa. A súa nai perdeu o traballo e o seu pai perdía clientes por culpa da crise. A pesar de todo isto ela seguía allea ao que podería pasar máis adiante. Eu vivía no andel, enriba da súa cama, na súa preciosa habitación, que tiña un armario enorme cheo de roupa das cores do arco da vella. Pero isto comezou a cambiar un día, o seu irmán maior tivo que mudarse a outro país para conseguir algo mellor. Dende alí non podería mandarlles diñeiro xa que mudarse era moi caro. Dende ese momento todo comezou a ir peor. Xa case non había comida na casa e os seus pais estaban cada día máis desanimados. Ela dábase conta do que estaba a pasar, pero non quería admitilo. Semanas máis tarde a casa estaba case baleira, xa que tiveron que vender as súas cousas de valor. Días máis tarde chegou a carta do banco, ían quitarlles a casa por non pagar a hipoteca. Os días seguintes foron un inferno xa que todo o mundo de Lara íase desvanecendo. E un día sen avisar entraron na casa e arrancáronme do andel, dos brazos de Lara. Para sempre. E dende ese día non a volvín ver. Lara bótote de menos! - O teu osiño de peluxe. |
No hay comentarios:
Publicar un comentario