Na materia de Valores éticos de 4º ESO dedicamos o terceiro trimestre á relación entre Dereitos Humanos e Tecnoloxía. Como non queriamos repetir o traballo do ano pasado, a elaboración dun boletín, decidimos embarcarnos nunha viaxe un pouco máis arriscada e facer todo un sitio web explicando cal é o problema, buscando solucións e dando a coñecer o traballo que Amnistía Internacional realiza nalgúns destes casos.
A fonte inicial para o noso traballo foi a revista trimestral de Amnistía Internacional. Como algúns dos números dos que dispoñemos xa son algo atrasados, seguimos investigando para actualizar datos e referencias.
Podes ver o resultado picando na imaxe da esquerda, e a revista de AI picando na da dereita. Anímaste a facer cyberactivismo con nós?
O proceso
En primeiro lugar, buscar definir o que é a tecnoloxía e charlamos sobre a relación que ten cos dereitos humanos (en favor deles, pero moitas veces tamén en contra). Estas ideas recollímolas na portada do noso sitio web. Despois, para fixar ideas, estivemos buscando exemplos nas revistas de AI que temos na biblioteca.
O seguinte día organizamos o traballo: quen se encarga de cada tema, que forma imos dar ao sitio web, como o editaríamos a través das nosas contas de Google Sites e Google Drive...
Finalmente buscamos documentación actualizada nas páxinas de AI, tomamos delas imaxes respectando os dereitos de autoría e fixemos cadansúa páxina do sitio web.
No hay comentarios:
Publicar un comentario